Alexandre de Fisterra
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 6 de maio de 1919 Fisterra, España |
Morte | 9 de febreiro de 2007 (87 anos) Zamora, España |
Actividade | |
Ocupación | poeta, editor literario, inventor, escritor |
Membro de | |
Obra | |
Obras destacables | |
Alexandre Campos Ramírez, coñecido como Alexandre de Fisterra, nado en Fisterra o 6 de maio de 1919 e finado en Zamora o 9 de febreiro de 2007[1], foi un editor, escritor, inventor, republicano e testamenteiro de León Felipe. Foi o inventor do futbolín, versión do fútbol de mesa.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Mocidade
[editar | editar a fonte]Alexandre foi un dos dez fillos de Manuel Campos Pedreira (A Coruña, 1882 - Río de Xaneiro, 1977), radiotelegrafista de Fisterra, e de Josefa Francisca Ramírez Barreiro (nada na Coruña no 1885). Viviu nesa vila da Costa da Morte ata os cinco anos, para se trasladar despois á Coruña. Aos quince anos marchou estudar o bacharelato a Madrid.
Unha vez alí, a zapataría do seu pai quedou arruinada, polo que, ao non poder pagar o colexio privado no que estudaba, o director púxoo a corrixir os deberes dos párvulos pagando así a matrícula. Tamén traballou na construción como peón de albanel, como bailarín de claqué e despois nunha imprenta. Ademais foi nesta cidade onde coñeceu a León Felipe (do que sería testamenteiro), que xunto con Rafael Sánchez Ortega, editaron o xornal Paso a la juventud para vendelo pola rúa.
A guerra e o exilio
[editar | editar a fonte]En novembro de 1936 quedou sepultado nun dos bombardeos de Madrid durante a Guerra civil española. Primeiro levárono a Valencia pero como as súas feridas eran graves finalmente trasladárono a un hospital de Monserrat. Alí coñeceu moitos nenos feridos coma el, incapaces de poder xogar ao fútbol, e foi daquela cando pensou no futbolín inspirándose no tenis de mesa. Alexandre confioulle ao seu amigo Francisco Xavier Altuna, un carpinteiro vasco, a fabricación do primeiro futbolín seguindo as súas instrucións. Non obstante, non puido vender o invento a nivel industrial xa que todas as fábricas de xoguetes, a maioría en Valencia, estaban a fabricar armas de verdade por mor da guerra. Patentou a invención en Barcelona en xaneiro de 1937, ao igual que o primeiro pasafollas de partituras movido co pé que fixo para unha rapaza pianista da que estaba namorado. Non obstante, por mor do triunfo franquista na guerra, tivo que se exiliar a Francia cruzando a pé os Pireneos e debido a que estivo a chover durante dez días, perdeu a patente que levaba no macuto.
Estando xa en París, no ano 1948, e grazas á patente do pasafollas conseguiu gañar uns cartos cos que puido marchar a Quito (Ecuador) onde fundou a revista Ecuador 0°, 0', 0" coa que dedicaba cada número a poetas dun país. Máis tarde, en 1952, foi a Guatemala, concretamente a Cabo de Santa María, e alí despois de mellorar o futbolín comezou a fabricalos, facendo un bo negocio. Alí foi ademais onde xogou partidas contra o Che Guevara. Isto acontecería mentres había democracia no país, xa que tras o golpe de estado do coronel Carlos Castillo Armas, por mor da súa ideoloxía de esquerdas, foi roubado e secuestrado, quedando sen nada.
Axentes especiais españois embarcárono pois nun avión en dirección a España, pero el puido escapar, refuxiouse nos lavabos do avión e construíu unha bomba ficticia envolvendo xabrón con papel de aluminio. Con esa "bomba" ameazou a tripulación e gañou o favor dos viaxeiros logo de dicirlles que era "un refuxiado español". O avión desviouse a Panamá, no que foi un dos primeiros secuestros de avión. Máis tarde marchou a México onde atopou amigos poetas e escritores polo que permaneceu alí dedicándose ás artes gráficas e a editar. Así fundou e presidiu a editorial chamada Editorial Finisterre Impresora dende a cal editou a revista do centro galego de México e libros de variados poetas, entre os que se atopan León Felipe e Juan Larrea. Ademais foi redactor de El Nacional e editou un facsímile da revista Galeuska e o primeiro libro de poemas de Ernesto Cardenal.
Entre agosto de 1948 e mediados de 1954, cando ela faleceu, mantivo unha relación afectiva con Frida Kahlo, con quen mantivo un intenso intercambio epistolar mentres el residiu en París, Ecuador e Guatemala. Ela legoulle parte dos seus bens[2].
O regreso
[editar | editar a fonte]Cando volveu a España logo de morrer Franco sorprendeuse ao ver que o futbolín se estendera amplamente, malia que gran parte desta divulgación se debera ao feito de que os fabricantes valencianos asumiran o xogo coma nacional. Convenceu a editorial Alianza para reimprimir as obras completas de León Felipe e traballou intensamente na divulgación da obra deste poeta, de quen xestionaría a herdanza coma testamenteiro.
Residiu en Aranda de Duero (provincia de Burgos), e despois trasladaríase a Zamora. onde faleceu, na súa casa do barrio de Pinilla á idade de 87 anos. As súas cinzas foron espalladas no río Douro ao seu paso pola cidade de Zamora e no Atlántico en Fisterra.
Escribiu unhas memorias, perdidas e inéditas, que titulou Bajo vientos, mareas y pechelingues.[Cómpre referencia]
Era membro correspondente da Real Academia Galega[3].
Vida persoal
[editar | editar a fonte]A súa primeira esposa foi Emilia de Roa Riaza, da familia do Marquesado de Piedra Blanca de Guana, con quen casou na igrexa de San Jerónimo el Real de Madrid en 1945, e con quen tivo un fillo, Alejandro, finado moi novo. A súa segunda muller foi a soprano de traxectoria internacional María Herrero Palacios, natural de Baños de Valdearados (provincia de Burgos).[Cómpre referencia]
Recoñecemento
[editar | editar a fonte]O grupo coruñés Os Diplomáticos de Monte Alto compuxo unha canción dedicada ao futbolín que comeza mencionando ao inventor: Ano 37, guerra civil / Alexandre de Fisterra inventa o futbolín.[4] A canción fíxose famosa ao ser parte do videoclip do contentor infantil da Televisión de Galicia Xabarín Club.
Alessio Spataro publicou unha banda deseñada contando a súa vida.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Michael Eaude (24 de febreiro de 2007). "Alejandro Finisterre". The Guardian.
- ↑ Lema, Rafael (Novembro de 2022). "Alejandro Finisterre, o grande amor galego de Frida Kahlo". Luzes (109): 66–71.
- ↑ "Académicos e académicas correspondentes".
- ↑ Pasouoquepasou.crtvg (8 de xuño de 2016). "A música do Xabarín: "Oda ó futbolín"". Youtube. Consultado o 20 de marzo de 2020.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Dicionario biográfico de Galicia 1. Ir Indo Edicións. 2010-2011.
- "Campos Ramírez, Alejandro". Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo. 1999-2002. ISBN 84-7680-288-9.
- Couceiro Freijomil, A. (1951). "Campos Ramírez, Alejandro". Diccionario bio-bibliográfico de escritores (en castelán) I. Santiago de Compostela: Bibliófilos Gallegos. p. 213.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Pardo, Miguel. "'Futbolín', a trepidante historia de Alexandre de Fisterra: moito máis que un xogo". Praza Pública. Consultado o 7 de maio de 2018.
- Entrevista a Alexandre de Fisterra no programa Saló de lectura (2003-2004)
- Vídeo no hospital da Coruña lendo un poema propio (febreiro 2007)
- "La batalla final de Alejandro Finisterre", artigo de Xosé Manuel Pereiro en El País, 29 de novembro de 2006 (en castelán).